miércoles, 26 de marzo de 2014

Primeiros pasos do noso gabinete de prensa


O 18 de maio, o noso gabinete de prensa, nestes momentos integrado por Marta Vázquez e Andreina Villanueva, alumnas de 2º de bacharelato A, enviaron esta nota de prensa aos principais medios de comunicación de Vilagarcía. Estamos procurando que a prensa nos axude a difundir o noso proxecto para que as nosas veciñas e veciños nos boten unha man no proceso de investigación.

O 20 de xuño de 2013 a Real Academia Galega acordaba dedicarlle o Días Letras Galegas deste ano a Xosé María Díaz Castro. O escritor, que será homenaxeado en toda Galicia o vindeiro 17 de maio, naceu nos Vilares (Guitiriz) en 1914 e residiu en Vilagarcía de Arousa entre 1940 e 1946. Díaz Castro, chegou a vila do Salnés para impartir aulas no Colexio León XIII que desde o ano 1939 era propiedade do seu amigo, o tamén poeta, Aquilino Iglesia Alvariño.

O propio Díaz Castro deixou escrita a súa experiencia en Vilagarcía nun artigo titulado "Iglesia Alvariño na miña acordanza":

"Despois da guerra española eu incorporeime ó Colexio León XIII, onde el era entón director; alí recomenzaron as nosas relacións, xa dunha natureza máis profesional que literaria. Alí o poeta sigue adicándose á poesía e a traducir ós clásicos latinos que él máis amaba, mentres exercía exemplarmente as suas actividades de director e profesor [...]. 

No 1947 aparece un dos mellores libros de Aquilino, CÓMAROS VERDES, publicado por edicións Celta (Vilagarcía), na imprenta Celta de Severino González Lazán, tamén bon amigo meu. [...] Ó ausentarme eu de Vilagarcía en 1947, perdín xa o contaito persoal con él, pero seguín comunicándome dende Madrid, donde me atopei con el duas veces".

Moi pouca xente sabe que Díaz Castro publicou en Vilagarcía de Arousa un dos seus primeiros poemas en galego. Unha composición titulada "Nascida d´un sono. Tríptico â groria betanceira" coa que acadara o primeiro premio nos Xogos Florais que se celebraran en Betanzos no verán de 1946. A composición foi editada nunha pequena tarxeta de cartolina na libraría Celta que estaba no número 5 da rúa Ramón y Cajal. Este senlleiro negocio vilagarcián, propiedade de Severino González Lazán, tense convertido nun referente da literatura galega por ter imprentado nas súas máquinas o primeiro poemario galego de certa relevancia da posguerra, Cómaros verdes de Aquilino Iglesia Alvariño, aparecido no ano 1947.

Nascida d´un sono, o poema vilagarcián de Díaz Castro, componse dun conxunto de cuartetos moi coidados nos que se enxalza a beleza da muller betanceira inserida nun marco paisaxístico tipicamente galego.

Para renderlle homenaxe ao homenaxeado nas Letras Galegas do 2014, ao colexio León XIII e á libraría Celta, os estudantes e membros do Equipo de Normalización Lingüística do IES Fermín Bouza Brey, pretenden organizar unha exposición que dea conta da vida do poeta en Vilagarcía de Arousa nos anos que aquí residiu. É por iso que procuran todo tipo deinformación e material gráfico sobre a Celta, o León XIII ou Díaz Castro. Fotografías, boletíns de notas, relatos orais do colexio ou da libraría e calquera documento que lles permita achegarse a este período.

É por iso que lle piden á sociedade vilagarciá que se poñan en contacto con eles para proporcionarlles aquilo que consideren oportuno. Poden facelo poñéndose en contacto coa coordinadora do Equipo de Normalización Lingüística do centro, a través do teléfono: 986 50 38 00, do enderezo electrónico: ies.bouza.brey@edu.xunta.es ou empregando o correo ordinario: IES Fermín Bouza Brey, Fontecarmoa 92, Vilagarcía de Arousa, 36600.

No hay comentarios:

Publicar un comentario